Dos sabugueiros como símbolo do abandono rural

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

O GROVE

O sabugueiro tráeme lembranzas da miña infancia: coas súas pólas faciamos tutelos como se fosen cerbatanas, para lanzar bólas feitas coa medula ou arro branco do sabugueiro

28 abr 2024 . Actualizado a las 09:55 h.

Nos parques e nos xardíns, públicos e privados, as copas dos pitosporos desbordantes de flores crema, as glicinias cos seus acios azuis pendurados ou os cereixos de flor ateigados de brotes rosa, as fotinias atestadas de umbelas douradas; e as rosas que reciben sol abundante, xa espléndidas, con mil cores. É, nestes lares, tempo das flores. Polas terras de labranza e as brañas, todas abandonadas —sen que ninguén se doa de tal desleixo, nin teña conciencia do valor delas— e polas beiras dos regatos, xorden, aquí e alá, espallados sen orde aparente, querendo mansamente que se lle preste a atención coa súa beleza, as árbores máis máxicas de Galicia: os sabugueiros, Sambucus nigra, coa súa denominación procedente do grego, no que se chamaba sambuca unha especie de arpa armada coa madeira desta árbore. O sabugueiro tráeme lembranzas da miña infancia: coas súas pólas faciamos tutelos como se fosen cerbatanas, para lanzar bólas feitas coa medula ou arro branco do sabugueiro. Esa arma, que se empregaba en tempo lectivo dentro da escola apuntando aos alumnos que estaban a tiro, sempre provocaba sonoras labazadas do mestre. Naquela escola unitaria a onde fun de neno, uns pupitres detrás de min sentábase Ramón Martínez. Un rapaz ao que se podía estar a escoitar sen pestanexar durante días, mentres contaba toda clase de historias. Era, tamén, aparte dun bo porteiro de fútbol, un fenómeno co tutelo: en canto o mestre miraba a outro lado apuntábame ás orellas, acertaba sempre, e facíame saltar coa punzada do proxectil e polo chío que pegaba, o lapote caíame a min, mentres el se ría facendo como que estaba a ler. Nestes días dá gusto ver os sabugueiros destacando, sobre a maleza, como emerxendo dos eidos a monte; aínda que topei un nun xardín dunha casa no Grove, cerca da Igrexa. Gustaríame saber quen é o dono. As umbelas brancas dos sabugueiros, que empezan agora a relucir, transformaranse no outono en acios de bagas dunha cor azul morada e resultarán doces. Esta árbore, por moito que servise para construír delicadas arpas, sempre tivo mala fama, non só de maligna e perigosa, senón inútil, mala herba: a madeira non producía calorías, non servía para a construción, nin para armar mobles. Dicíase que non valía para nada e que infestaba rapidamente as leiras, aínda que daba algúns mangos para apeiros de labranza. Pola miña zona, os froitos que moitos confundían coa belladona, non tiñan aproveitamento ningún e ata xuño, máis ou menos, as flores andaban tan inzadas de abellas que daban medo. Pero noutras comarcas eran apreciados. Polo San Xoán é obrigatorio incluír as súas flores na mestura das herbas que se deixan a remollo na auga coa que lavar a cara nesa mañanciña. Hai quen, como coas xestas cando vén o maio, colócaas nas portas de casas e cortes do gando, para escorrentar meigallos varios. Esas flores, de sabor doce, son comestibles como os froitos maduros, aínda que as follas resultan velenosas.

Curiosamente, as baias mentres non madurecen tamén son tóxicas, pero despois, non. Hai sitios onde lles chaman uvas das bruxas. Coas bagas elabóranse xaropes, marmeladas licores, viño, bombóns. Unha empresa, Carabuñas, leva xa algúns anos comercializando esa clase de produtos do sabugueiro. Esta árbore, ademais, ten usos medicinais e recoméndase para aliviar a gripe, ou as toses; contén vitamina C e tradicionalmente facíanse preparados para cuestións do sistema urinario, da pel, ou como antinflamatorio. Mais agora mesmo o sabugueiro é símbolo do tristísimo abandono do campo. Polo Salnés, non sendo onde se levou adiante a concentración parcelaria, a poboación rural só percibe valor edificatorio nas terras e isto, axudado por un mal entendemento do que deben ser as zonas protexidas, leva a que se prescinda totalmente das leiras de labor. E nelas van crecendo sabugueiros, ventureiros e a miles; sen que tampouco ninguén poida facer nada para aproveitar esa prodigalidade. Menos mal que nestes días podemos admirar a súa magnífica floración, aínda que, realmente, eles o que queren é chamar a atención porque sentírense parte dun mundo que podería ser fermoso pero está abandonado.