Mobilización en Santiago e ruada en Carballo: a proposta da Mesa para o 17 de maio

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

Acollerá a actividade o Casino, con inicio ás 20.00 horas, primeiramente cun coloquio sobre Luísa Villata 

10 may 2024 . Actualizado a las 13:24 h.

Vén de presentar A Mesa pola Normalización Lingüística de Bergantiños as súas propostas para o 17 de maio, Día das Letras Galegas, «festa das letras e tamén da cultura galega», como a definiu Hadrián García, responsable da entidade na comarca. Estivo acompañado por Carlos Vieito, en representación da Mesa a nivel galego, e a intervención de ambos levouse a cabo no Casino de Carballo, precisamente o espazo que acollerá o vindeiro venres as dúas actividades que se presentan como inmellorable epílogo á manifestación pola lingua prevista para as 12.00 horas na Alameda de Santiago. Convoca a plataforma galega Queremos Galego, en cuxa web (queremosgalego.gal) se pode atopar toda a información, firmar manifesto ou saber tamén das liñas de bus que partirán de vilas e cidades para facilitar a asistencia. Un coloquio sobre Luísa Villalta, homenaxeada este ano, abrirá os actos do 17 de maio no Casino carballés (20.00 horas). «Coruñesa, poetisa, mestra, socia de A Mesa no seu momento...», lembrou Hadrián. Faráselle honra á súa faceta musical cunha ruada, á que están convidados a participar todos os grupos e persoas que así o desexen, facendo gala dese espíritu de «festa».

BASILIO BELLO

Carlos Vieito, da súa banda, lembrou que «sobran os motivos para mobilizarse» o 17 de maio en Santiago. Segue sen aplicarse o plan de normalización lingüística, dixo, «e o ensino segue a ser unha ferramenta castelanizadora». Quedan cousas por facer. Elixiu Vieito Bergantiños para lanzar unha exclusiva, a confirmación do concerto de Dakidarría para logo da manifestación, na Quintana. «Tanto A Mesa a nivel galego como a nivel Bergantiños están moi activas. Isto non é unha illa no medio da nada, senón unha continuación de moitos outros actos, sobre todo con atención aos máis mozos», abundou do seu lado Hadrián.